
Na oficina da Tesouraría da Seguranza Social de Corcubión, que dá servizo a toda a comarca, non existe a oportunidade de xestionar prestacións de forma presencial, e para a cita previa nunca resulta posíbel pedila
Iniciativa parlamentaria do deputado Néstor Rego no Congreso, que cuestiona ao executivo central sobre as medidas que adoptou para eliminar dito trámite, cuestión que prometeu hai dous anos
Costa da Morte, 5 de febreiro de 2026. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou o rexistro de iniciativas nas que urxe ao Goberno do Estado a eliminar a cita previa nos trámites habituais ante os diferentes organismos da Administración Xeral do Estado e para o acceso a servizos públicos. Trátase dunha cuestión que está a afectar á veciñanza da Costa da Morte, que está sufrindo a imposibilidade de realizar trámites pola obrigatoriedade de dito requisito.
Néstor Rego sinalou que hai dous anos que o Goberno do Estado anunciou que ía eliminar a cita previa obrigatoria, e mesmo nunha resposta ao BNG do mes de maio do ano pasado, indicábase que “ten por obxectivo a eliminación da mesma, a través dun cambio normativo previsto no Anteproxecto de Lei para a Transformación da Administración Pública que, entre outras medidas, prevé que, en ningún caso, poidan estabelecerse sistemas de cita previa de carácter obrigatorio como requisito para a atención á cidadanía nas oficinas de información, tramitación e rexistro”.
O BNG da Costa da Morte salientou o caso da oficina da Tesouraría da Seguranza Social de Corcubión, que dá servizo a toda a comarca, na que non resulta posíbel pedir cita previa nunca para a xestión de prestacións, aparecendo só dispoñíbel axendar esta oficina para a obtención do certificado dixital. Ao tempo, de acudir a persoa presencialmente para realizar os seus trámites, tampouco obtén atención, limitándose a indicar a necesidade de pedir cita previa.
Ademais, tanto para esta como para o resto de oficinas aparece xa completo todo o mes, e resulta imposíbel fixar a cita ou programala para máis adiante, pois o calendario non permite acceder a meses posteriores.
O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, manifestou que “o Goberno do Estado está desmantelando os poucos servizos públicos que temos no rural, e ademais debería habilitar máis persoal para atender á cidadanía».
Rodríguez Baña advertiu que «no caso de Corcubión é imposíbel coller cita previa na Seguranza Social, nin presencialmente nin por internet; é inadmisíbel nestes tempos, e máis cando prometeron hai dous anos eliminar este sistema. Os cidadáns quedamos indefensos e sen atender».
“Unha parte importante da poboación non ten os coñecementos ou os medios técnicos para concertar a cita por medios electrónicos e, no caso de facelo telefonicamente, debe enfrontarse a mensaxes automáticas e longas esperas”, sinalou o portavoz nacionalista, que subliñou que desde o BNG recolleron as queixas da veciñanza da comarca.
A formación nacionalista avanzou mobilizacións “para exixirlle ao goberno do PSOE que solucione de inmediato esta situación irresponsábel”.