O PSDEG CONSIDERA QUE A FOLGA DE TRANSPORTE NA PROVINCIA “AGRAVARÁ O CAOS DOS BUSES” E ESIXE Á XUNTA QUE SE IMPLIQUE NA RESOLUCIÓN DO CONFLITO

Dende o PSdeG-PSOE Provincial da Coruña responsabilizan ao Goberno galego por “poñer o sector en mans de grandes empresas” 

A Coruña, 5 de febreiro de 2026. O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña reclámalle á Xunta que se implique no conflito laboral para evitar que se prolongue a folga de transporte por autobús na provincia. 

Dende o Partido Socialista responsabilizan da situación ao Goberno galego e en particular a Diego Calvo e Ethel Vázquez, logo de  “poñer o sector en mans de grandes empresas e acabar con moitas pequenas”. 

Ademais, sinalan á Xunta como culpable do “caos” que hai no transporte. Estas razóns serían as causantes para o PSdeG provincial de que a situación vaia a peor agora cunha folga indefinida: “agravará o caos dos buses”. 

“Nin Ethel Vázquez nin Diego Calvo deron solución aos problemas do transporte, estiveron de perfil nun tema que afecta á vida diario de miles de persoas”, lamentan. 

O Grupo Provincial Socialista na Deputación da Coruña aprobou no seu momento, o pasado día 23 de xaneiro, unha moción conxunta co BNG neste sentido. 

No texto da moción aprobada no pleno da Deputación ínstase á xunta a reunirse coa parte social da mesa de negociación do convenio colectivo co obxectivo de mediar no conflito. 

Tamén a  dirixirse ás empresas concesionarias do transporte público por estrada, “lembrándolles a súa obriga de negociar de boa fe e de garantir condicións laborais dignas nun servizo esencial para a cidadanía”.