
Onte, a tenente de alcalde do Concello de Muxía, Sandra Vilela, recibiu no Concello á delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, nunha visita institucional na que puideron comprobar de primeira man as actuacións realizadas no municipio en materia ambiental.
O Concello de Muxía vén de incorporar novos recursos destinados á mellora ambiental e á eficiencia enerxética, cun investimento total de 54.000 € financiados ao 100 % pola Xunta de Galicia, a través do Fondo de Compensación Ambiental.
Incorporouse un vehículo SUV 100 % eléctrico, xunto co seu correspondente punto de recarga, para o uso dos servizos municipais, avanzando así cara a unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio.
Ademais, reforzáronse os medios materiais destinados ao coidado do noso entorno coa adquisición de:
• Seis desbrozadoras
• Dúas motoserras profesionais
• Unha formigoneira eléctrica
• Unha desbrozadora con rodas
Este equipamento permitirá mellorar a limpeza de camiños, a recuperación de espazos naturais e o mantemento das zonas verdes do municipio.
É importante salientar que o Concello de Muxía non tivo que achegar ningún recurso económico, xa que o investimento está financiado integramente pola Xunta de Galicia.



