O BNG de Vimianzo critica que a alcaldesa impida debater no pleno unha moción sobre os problemas estruturais do CEIP San Vicenzo 

Vimianzo, 11 de marzo de 2026. No transcurso da sesión plenaria  celebrada este mércores 11 de marzo,  o  BNG de Vimianzo criticou a negativa da alcaldesa a permitir o debate no pleno dunha moción na que se propoñía que a corporación solicitase á Xefatura Territorial de Educación actuacións urxentes ante os problemas estruturais do CEIP San Vicenzo. Os nacionalistas lamentaron que non se permitise debater unha cuestión que afecta ás condicións dun centro educativo do concello. 

Por outra banda, o BNG tamén mostrou o seu desacordo coa nova Relación de Postos de Traballo (RPT) presentada polo goberno municipal.  Os nacionalistas denunciaron que os grupos profesionais con retribucións máis baixas apenas sofren melloras significativas. Ademais, consideran que a proposta introduce elementos de desigualdade e posibles agravios comparativos entre distintos postos, o  que repercutirá negativamente no calidade dos servizos municipais.  

Alén, a formación nacionalista puxo o foco na previsión de tres prazas no corpo da Policía Local, preguntando se o goberno municipal ten previsto crear a terceira praza recollida na RPT, tendo en conta que o servizo leva anos funcionando con dous efectivos. 

Finalmente, o BNG interesouse pola situación do servizo da Vivenda Comunitaria e da Escola Infantil, solicitando información sobre o estado do procedemento de contratación da nova empresa que asumirá temporalmente a súa xestión, así como sobre a situación actual das persoas usuarias e do persoal destes servizos.