
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, visitaron a escola infantil “A Galiña Azul” xunto a Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Durante a visita, informouse do investimento que realizará a Xunta de Galicia, superior aos 145.000 euros, co obxectivo de mellorar as instalacións deste centro educativo e reforzar a calidade dos servizos que se ofrecen ás familias.
O proxecto contempla unha serie de actuacións destinadas á renovación e posta a punto do edificio, entre as que se inclúen a substitución dos pavimentos, a finalización do chan radiante, a pintura integral do interior, a revisión das carpinterías interiores e a renovación dos aseos infantís, ademais da substitución de parte do mobiliario.
As intervencións están previstas principalmente para o vindeiro verán, coincidindo co período de vacacións da escola, co fin de minimizar o impacto no funcionamento habitual do centro.
Con esta actuación, búscase mellorar o confort, a seguridade e a funcionalidade dun espazo fundamental para a atención e educación da primeira infancia no municipio.