
O deputado Oscar Insua denuncia que o goberno galego utiliza criterios políticos, non só técnicos, para priorizar as actuacións de reforma en centros escolares segundo quen goberne o concello
Costa da Morte, 1 de abril de 2026. O BNG lamentou que a Xunta de Galiza non se comprometa a realizar todas as obras de rehabilitación que necesita o IES Fernando Blanco de Cee, e que foron demandadas en reiteradas ocasións pola comunidade educativa do centro. A Xunta tan só fixo un contrato menor de 35.270€ para a rehabilitación da cuberta a dúas augas o pasado mes, xusto despois de que tiveran que saír a protestar o profesorado e a ANPA e despois do rexistro das iniciativas do BNG no parlamento galego, “vostedes funcionan a golpe de protesta, só actúan cando a xente sae a protestar, é a súa forma de gobernar”.
O deputado Oscar Insua preguntou sobre esta cuestión este mércores 1 de abril no Parlamento galego ao Secretario Xeral Técnico da Consellería Educación, Manuel Vila López, que indicou que “as necesidades do centro están solucionadas ou en proceso de solución”. Cuestión que foi rebatida polo parlamentario do BNG, que lembrou que tanto o profesorado como a ANPA e o alumnado teñen denunciado múltiples deficiencias estruturais no instituto, como filtracións de auga que obrigan a dar clase con caldeiros no chan, ademais de cortes de luz constantes, fiestras en mal estado, falta de climatización e un sistema de calefacción obsoleto.
Insua recriminou ao secretario xeral que o goberno galego soe utilizar criterios políticos, non só técnicos, para contratar actuacións de reforma en centros escolares en concellos gobernados polo PP. “En Zas, gobernado polo BNG, a consellería dixo hai un par de semanas que correspondía ao Concello a reforma duns canlóns nun centro educativo; pero en Mugardos, onde goberna o PP, a Xunta contratou unha obra a semana pasada para realizar unha actuación similar”, reprochou o deputado do BNG. “O PP cando quere busca cartos debaixo das pedras, segundo pra que centro de ensino. Esa é a forma de planificar do PP na Consellería”
“A pesar da publicidade do goberno galego, a realidade é que o que fai é recortar en Educación, e non é unha cuestión que eu invente, porque os datos nos orzamentos están aí para velos. O orzamento para investimentos reais na consellería de educación baixou con respecto ao ano pasado”, afirmou Oscar Insua, que preguntou a Vila López por compromisos concretos e datas de execución “para as tan necesarias obras de reforma no IES Fernando Blanco, que teñen que consistir nunha actuación integral, non basta con parches”. Insua manifestou que “nin están solucionadas nin este secretario xeral técnico aclarou os prazos nin datas para solucionalas hoxe na comisión”.
O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños tamén sinalou que no instituto ceense existe unha vacante na conserxaría sen cubrir desde hai máis dun curso, e que a seguridade viaria nos accesos ao centro educativo está en grave risco por falta de sinalización e exceso de velocidade do tráfico.