O PSdeG de Zas critica uns orzamentos municipais con partidas «totalmente insuficientes»

Sheila Rial afirma en referencia ao alcalde que «somos outros quen facemos o traballo real mentres el solo quere salir na foto»

En Zas, a 10 de abril de 2026.

A voceira socialista Sheila Rial criticou «un orzamento no que se botan en falta moitas cousas». Destacou a ausencia dun espazo previo de debate para «poder facer emendas cando corresponde». 

«O pleno de hoxe non era para facer emendas, o orzamento xa estaba enriba da mesa», explicou a socialista, pero «o caos e a desorde do noso municipio deixan claro a falla de transparencia, o modo de actuar e a pouca voz que se dá aos demais membros da corporación”.

“Hoxe non se debatiu un simple documento contable, senon unha declaración de intencións, un modelo de municipio no que, por desgraza, o orzamento evidenciou claramente un modelo que non compartimos”, subliñou Rial.

A voceira socialista salientou que unha parte importante dos recursos que sosteñem o orzamento proceden doutras administracións, especialmente da Deputación da Coruña que neste ano 2026 achega máis de 1 millón de euros a través do POS. “Isto é importante dicilo porque logo o goberno non explica con claridade quen paga realmente», critica.

Lamentou así mesmo que «non hai compromiso firme para dotar a lugares como Regalados ou Beizana da traída da auga municipal, un servizo básico que levan anos reclamando». Tamén que «seguen externalizando a limpeza viaria cando hai vacantes de peóns e a propia RPT o recolle».

“Hai partidas que son totalmente insuficientes, como por exemplo os 20.000€ para os centros educativos sabendo como estan», afirma Rial. Enumera tamén os «10.000 para as comisións de festas que son quen realemnte manteñen viva a actividade social do municipio» ou a «nula partida para abastecer de servizos básicos, mentres que si hai 30.000€ para actuacións protocolarias”.

“O orzamento de Zas ten luces e sombras tan evidentes que ata no propio informe de intervención se reflexa, sendo este desfavorable” salienta a socialista.

Unha ambulancia medicalizada para a bisbarra

No pleno tamen se tratou a moción para reclamar unha ambulancia medicalizada para a Costa da Morte levada por Sheila Rial, que, a pesar de ser aprobada por unanimidade, foi criticada polo rexedor do BNG, Manuel Muíño.

«Molesta que o PSdeG leve mocións ao pleno, o problema teno sempre porque somos outros quen facemos o traballo real mentres el solo quere salir na foto”, sentencia Rial.

Dentro doutros asuntos a voceira socialista preguntou tamén pola cobertura da Policía Local e polo prezo da empresa que leva as redes sociais. Levou tamén como rogos que se arranxe a situación de Rial de Abaixo, un proxecto para levar a traída de auga en Regalados, o arranxo dunha pista entre Beizana e Loroño e, de novo, que se dote dunha sinalización axeitada á ponte e as excavacións en Brandomil.

“Estou farta da desorde no pleno, desa ansia de intimidar do alcalde, e do anuncio duns orzamentos record cando o investimento real non é o que ten que ser para mellorar a vida das veciñas e veciños de Zas”, indica a socialista. «Non é só gastar máis, é gastar ben e mellor», conclúe.