
O vindeiro 24 de maio, o municipio de Ponteceso converterase nun punto de encontro da solidariedade coa celebración da cuarta edición da Macro Sesión Vermú Solidaria, unha iniciativa que busca recadar fondos para apoiar a investigación e visibilización do síndrome de Rett.
Un ano máis, persoas chegadas de toda Galicia e distintos puntos de España daranse cita nun evento que se estenderá dende a mañá ata a noite, combinando ocio e compromiso social. A proposta é clara: compartir unha xornada de convivencia na que comer, beber, bailar e desfrutar se converten tamén nun xeito de colaborar cunha causa solidaria. De feito, o simple feito de asistir e consumir xa supón unha achega directa á iniciativa.
O programa contará con actuacións musicais e artistas convidados, ademais dunha ampla oferta de comida e bebida. Como en edicións anteriores, tamén haberá unha concentración de coches clásicos, á que este ano se suma unha das grandes novidades: a participación do colectivo moteiro de Galicia.
Neste sentido, o evento incorpora á súa organización a Fran Gómez, quen será o encargado de coordinar a presenza e actividades relacionadas co mundo das motos, reforzando así o carácter diverso e participativo da xornada.
Dende a organización, vinculada á Gala Solidaria Princesa Rett, fan un chamamento á colaboración cidadá, lembrando que calquera persoa interesada en contribuír pode poñerse en contacto co equipo organizador.
Unha cita que, máis alá do lecer, pretende seguir sumando esforzos e concienciación arredor dunha enfermidade pouco frecuente, demostrando que a unión e a solidariedade poden marcar a diferenza.
