
A avenida de Alfonso Molina, principal vía de entrada á Coruña, volveu ser escenario dun aparatoso accidente de tráfico en plena hora punta deste xoves pola mañá. O sinistro produciuse arredor das 8:23 horas, no tramo comprendido entre as dúas pasarelas peonís situadas á altura da fábrica de armas, en sentido cara ao centro da cidade.
Segundo os primeiros indicios, todo apunta a que un despiste da condutora provocou a saída de vía. O turismo desviouse cara á marxe dereita da calzada ata impactar con forza contra unha farola, que quedou derrubada e apoiada sobre o muro das instalacións. O vehículo acabou sobre un parterre na zona peonil, con danos de consideración: saltaron os airbags, as ventás romperon e as rodas quedaron fóra do seu eixo.
A pesar da espectacularidade do accidente, a condutora puido comunicarse cos servizos de emerxencia. Foi un particular quen deu o aviso ao 112 Galicia, que posteriormente contactou coa muller a través do sistema eCall do vehículo. Aínda que nun primeiro momento asegurou atoparse ben, foi atendida no lugar polos servizos sanitarios e trasladada posteriormente a un hospital para unha revisión máis completa, sen que nun principio presentase lesións de gravidade.
Ata o lugar desprazáronse patrullas da Policía Local, ás que se sumaron efectivos da Garda Civil de Tráfico e persoal de mantemento de estradas. Operarios traballan na retirada do vehículo sinistrado e da farola danada, tras cortar previamente o subministro eléctrico.
O accidente está a provocar importantes complicacións no tráfico. Un dos carrís permanece cortado, reducindo a vía de tres a dous carrís nese punto, o que está a xerar retencións e circulación lenta para os condutores que acceden á cidade desde a ponte da Pasaxe e Culleredo. Ademais, a beirarrúa próxima foi acordonada e restrinxiuse o paso de peóns por motivos de seguridade mentres continúan os traballos na zona.