BNG denuncia unha “ocultación de seis horas” na activación da emerxencia pola rotura da balsa da mina de Monte Neme

Oscar Insua acusa á Xunta de mentir no 112 e no seu boletín informativo, e exixe responsabilidades políticas ante a gravidade do suceso, que puxo en risco a veciñanza de Malpica e Carballo

Insua exixiu escoitar a gravación da chamada ao 112 para comprobar a descrición do aviso que chegou ao servizo de emerxencias e anunciou que solicitará por escrito o arquivo sonoro

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Oscar Insua, denunciou no Parlamento unha “xestión gravemente neglixente” por parte do goberno de PP na Xunta na activación dos recursos de emerxencia trala rotura dunha balsa de auga na antiga mina de Monte Neme, nos concellos de Malpica e Carballo, o pasado 31 de xaneiro. Insua criticou que, a pesar de que unha particular avisou ao 112 ás 3:09 da madrugada sobre unha avalancha de lodo, pedras e árbores a escasos 100 metros de vivendas en Abiño (Malpica), o dispositivo de emerxencia non se activou ata as 9:30 da mañá, seis horas despois.

“Houbo unha chamada ás tres da mañá. Iso xa o recoñeceu a propia Xunta despois de tres meses, cando o solicitamos por escrito ao abeiro do artigo 9. Pero no seu boletín informativo e nos medios de comunicación mantiveron que o 112 tivo constancia ás 9:30h”, denunciou Insua, quen preguntou directamente: “Que mentiron? A quen quixeron protexer? Por que agardaron a que o pedise eu para recoñecer a realidade?”.

O deputado nacionalista tamén acusou a Dirección Xeral de Emerxencias de “pasarlle o balón” aos servizos de emerxencia para evitar asumir responsabilidades políticas. Insua reprochou que o goberno galego tente desviar a atención culpando á Garda Civil de Tráfico da Coruña e ao GES de Ponteceso pola falta de actuación inmediata, cando foi o 112 o que recibiu a chamada ás 3:09 da madrugada e non activou os protocolos. “A Xunta responsabiliza a outros, pero quen xestiona o 112 é a propia Xunta. Non se pode dicir que non avisaron cando a chamada estaba gravada. O que fallou foi a coordinación e a dirección política da emerxencia”, criticou o deputado, quen insistiu en que, de haber vítimas, este xogo de derivacións non se explicaría ante a opinión pública.

Lembrou que a avalancha cruzou a estrada entre Leiloio e Maíndo, impedindo o paso de vehículos, e que foron os alcaldes de Malpica e Carballo, xunto coa Policía Local e Protección Civil, os que asumiron as primeiras medidas ante a ausencia de resposta institucional. 
Insua exixiu escoitar a gravación da chamada ao 112 para comprobar a gravidade do aviso e anunciou que solicitará por escrito o arquivo sonoro. Así mesmo, cuestionou a eficacia da xestión do servizo do 112, e reclamou responsabilidades políticas, tamén sobre a empresa concesionaria, ao tempo que lamentou a “barra de medir diferente” do PP á hora de exixir responsabilidades a outros gobernos. “Isto non é unha anegación calquera; foi unha avalancha de catro metros de altura a cen metros das vivendas. Non podemos pasar cos pés por riba”, concluíu.