José Manuel López Varela reivindica en Madrid o papel do rural no futuro de España no aniversario da España Vaciada

O alcalde José Manuel López Varela participou hoxe en Madrid, no Senado de España, no acto conmemorativo do sétimo aniversario da Manifestación da España Vaciada, unha cita clave para analizar os avances e retos do rural no país.

O evento estivo organizado pola Cátedra Estrella Galicia de Desarrollo Rural, no marco do seu VI estudo sobre a evolución da percepción dos avances na España rural. A xornada foi dirixida polo xornalista Manuel Campo Vidal, mentres que a benvida institucional correu a cargo do vicepresidente do Senado, Javier Maroto. A clausura foi realizada polo secretario xeral para o Reto Demográfico, Francesc Xavier Boya.

No encontro participaron nove representantes de distintas administracións e institucións de diferentes provincias españolas, que compartiron experiencias e propostas para facer fronte ao desafío demográfico.

Na súa intervención, José Manuel López Varela puxo o foco nas iniciativas municipais orientadas á xeración de oportunidades de desenvolvemento económico, destacando a importancia de fixar poboación a través do emprego e da innovación no ámbito rural. Ademais, subliñou o papel fundamental da protección e posta en valor dos espazos naturais como motor de desenvolvemento sostible e atractivo territorial.

A súa participación reforza o compromiso do ámbito local na loita contra o despoboamento e na construción dun futuro máis equilibrado para o conxunto do territorio español.