
A formación considera que esta infraestrutura é prioritaria para mellorar a mobilidade da comarca e reducir os atascos nos principais accesos á Coruña.
A Alternativa dos Veciños reclama á Xunta de Galicia que aprobe definitivamente o proxecto e impulse a contratación das obras da Vía Ártabra, unha infraestrutura que considera fundamental para a mobilidade de toda a comarca e para mellorar as conexións entre os distintos municipios.
Desde a formación sinalan que non existen impedimentos que xustifiquen seguir demorando a actuación e lembran que se trata dunha infraestrutura supramunicipal prioritaria e urxente, cuxa execución permanece paralizada desde 2021.
A Vía Ártabra está chamada a desempeñar un papel fundamental na desconxestión do tráfico nos principais puntos da rede viaria da comarca. Neste sentido, Alternativa dos Veciños destaca que a súa posta en funcionamento permitiría aliviar os atascos na N-VI, na ponte da Pasaxe, na Costa da Tapia e no Burgo, entre outros puntos con importantes problemas de circulación.
A formación considera que a cidadanía necesita solucións reais aos problemas diarios de mobilidade e cuestiona a oposición á construción desta infraestrutura, ao entender que supón frear unha actuación que beneficiaría ao conxunto da comarca.
Por iso, Alternativa dos Veciños insta á Xunta a demostrar con feitos a súa vontade de sacar adiante o proxecto e a deixar atrás os anos de paralización. A formación reclama que se dea luz verde á Vía Ártabra e que se inicie canto antes a súa execución, para que esta infraestrutura deixe de ser unha promesa pendente e se converta nunha realidade.
