A Deputación da Coruña reforza a promoción internacional do Camiño Inglés no Reino Unido

A Deputación da Coruña desenvolverá esta fin de semana novas accións de promoción internacional do Camiño Inglés no Reino Unido, nunha iniciativa que busca consolidar a presenza desta ruta xacobea nun dos seus mercados históricos máis relevantes. Estas actuacións enmárcanse na estratexia de proxección exterior vinculada ao Xacobeo 2027 e contan coa colaboración da Xunta de Galicia, así como de diversas entidades e organizacións galegas e británicas.

Entre as actividades destacadas figura a celebración do evento “Walk the Spanish Way – Primavera no Camiño”, que terá lugar este sábado en Reading. A cita ofrecerá unha programación aberta ao público que combinará música tradicional galega, espazos de promoción turística e un showcooking a cargo do cociñeiro André Arzúa. Ao longo da xornada, os asistentes poderán coñecer de primeira man os atractivos do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía, a través de materiais informativos, contidos audiovisuais e a participación de profesionais do sector.

Esta acción dá continuidade ao traballo desenvolvido previamente na cidade, onde xa se instalou unha mouteira simbólica que marca o inicio do Camiño Inglés no sur de Inglaterra. Este elemento, que sitúa Reading a 690 millas de Santiago de Compostela, reforza o vínculo histórico entre ambos territorios e pon en valor o legado das antigas rutas de peregrinación marítima.

Ademais, o vindeiro luns terá lugar a inauguración dunha nova mouteira en Southampton, situada no entorno da igrexa de Holyrood. Este fito sinala a conexión co trazado inglés do St James’ Way e consolida a cidade como un dos principais portos históricos de saída de peregrinos cara a Galicia.

Desde a Deputación da Coruña destacan que estas iniciativas están a contribuír a un incremento sostido do número de peregrinos procedentes do Reino Unido, un perfil que se caracteriza polo seu interese pola cultura, a historia e a identidade dos territorios que percorre, así como pola súa capacidade de difusión e recomendación.

Con estas accións, a institución provincial reafirma o seu compromiso coa internacionalización do Camiño Inglés e coa promoción de Galicia como destino cultural e turístico de referencia a nivel europeo.