
O concelleiro Francisco Martínez Traba, denunciou publicamente a grave situación na que se atopa o servizo de urbanismo do Concello, que leva preto de catro meses sen arquitecto municipal, o que está a provocar a paralización de licenzas, informes e trámites fundamentais para a veciñanza.
Fisterra, 25 de decembro de 2026.
Segundo sinala Martínez Traba, “non estamos ante un problema puntual, senón ante unha situación que vén de atrás e que é consecuencia directa da negativa reiterada de diferentes gobernos municipais, de distintas cores políticas, a regularizar o servizo de urbanismo”. Neste sentido, critica que durante anos se evitase aprobar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) e crear a praza estrutural de arquitecto municipal, perpetuando unha situación de desorde nun ámbito clave da administración local.
O concelleiro lembra que, en lugar de adoptar unha solución definitiva, o goberno optou por convocar un proceso selectivo para cubrir un interinaxe por un período máximo de nove meses, “sen contar cunha RPT aprobada nin cunha praza creada en cadro de persoal, o que presenta evidentes dúbidas desde o punto de vista xurídico”.
A maiores, Martínez Traba cualifica de “inexplicable” que, malia ter finalizado o proceso selectivo hai aproximadamente un mes e existir unha listaxe de persoas que o superaron, o Concello non procedese aínda ao nomeamento de ningún profesional, mantendo así paralizado o servizo.
Neste contexto, o concelleiro tamén puxo o foco nun feito “especialmente chamativo”: a “suposta renuncia” da persoa que obtivo a mellor puntuación no proceso. Trátase dunha persoa que exerce como portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Concello de Ferrol, cunha dedicación parcial do 75 %, o que fai, segundo indica, “dificilmente compatible o desempeño simultáneo de ambas funcións”.
“É lexítimo preguntarse por que unha persoa que, pola súa situación, non podería tomar posesión do posto decide participar no proceso selectivo e situarse no primeiro lugar da listaxe, e a quen beneficia esta circunstancia”, sinala Martínez Traba, quen insiste en que “mentres tanto, o Concello segue sen arquitecto municipal e os veciños e veciñas continúan a sufrir as consecuencias”.
O concelleiro advirte de que esta situación é “absolutamente insostible” e reclama ao goberno municipal que actúe de maneira inmediata, ofrecendo explicacións públicas e adoptando as medidas necesarias para restablecer o funcionamento normal do servizo de urbanismo, sempre dentro da legalidade.
Finalmente, Martínez Traba subliña que desde Alternativa Enxebre de Fisterra “seguiremos denunciando todas aquelas actuacións que consideremos irregulares, esixindo responsabilidades e defendendo os dereitos da veciñanza”, insistindo en que “isto non vai de siglas nin de intereses partidistas, senón de garantir unha administración pública eficaz, transparente e ao servizo da cidadanía”.