Alternativa Enxebre denuncia o intento do PSOE de Arteixo de apropiarse dun traballo político e institucional desenvolvido exclusivamente pola formación

A formación esixe explicacións tras constatar que o PSOE xa tivera acceso hai anos ao mesmo expediente relacionado coa caseta ilegal e non actuara

Arteixo, 9 de maio de 2026.

Con motivo das manifestacións públicas realizadas polo PSOE de Arteixo en relación coa situación da caseta inmobiliaria instalada irregularmente na Travesía de Arteixo, Alternativa Enxebre de Arteixo considera necesario trasladar á opinión pública unha serie de aclaracións ante a gravidade dos feitos e ante o intento de apropiación dun traballo político e institucional desenvolvido exclusivamente pola nosa formación.

O esclarecemento desta situación foi posible grazas ao traballo desenvolvido durante semanas por Alternativa Enxebre de Arteixo e, de maneira especial, pola nosa concelleira Noelia Martínez Canosa, mediante a formulación de preguntas en sede plenaria, a presentación de múltiples solicitudes formais de acceso ao expediente administrativo, a consulta directa da documentación municipal, a denuncia pública da situación e a posterior presentación de escritos formais instando a actuación inmediata da administración municipal.

Foi precisamente este traballo o que permitiu acreditar que a instalación en cuestión carecía das correspondentes licenzas e autorizacións administrativas, que existía unha ocupación irregular de dominio público e que se estaba desenvolvendo unha actividade económica sen a cobertura legal esixible.

Tras as actuacións impulsadas por esta formación, a caseta foi finalmente retirada e a situación irregular quedou corrixida.

Resulta, por tanto, absolutamente sorprendente que agora o PSOE de Arteixo pretenda atribuírse actuacións que non realizou.

Pero existe un feito especialmente grave.

No propio expediente administrativo constaba que o PSOE xa tivera acceso, hai anos, ao mesmo expediente e á mesma documentación que posteriormente consultou Alternativa Enxebre para esclarecer esta situación.

Ante esta realidade, a pregunta resulta inevitable: que fixo entón o PSOE de Arteixo?

Se accederon ao expediente:

  • non advertiron a situación irregular? 
  • non comprenderon o alcance da documentación? 
  • ou, pola contra, coñecían a situación e decidiron non actuar? 

Son preguntas lexítimas que merecen unha explicación pública.

O que non resulta aceptable é permanecer inactivos cando hai que actuar, absterse politicamente cando hai que posicionarse e aparecer posteriormente cando o traballo xa está feito para intentar apropiarse del.

Iso non responde a unha actuación responsable nin seria.

Alternativa Enxebre de Arteixo continuará actuando con firmeza na defensa da legalidade, da transparencia e dos intereses xerais da veciñanza, con independencia de quen poida sentirse incómodo por iso.