O Concello de Muros continúa cos traballos de limpeza e mantemento das beirarrúas en distintas zonas do municipio

O Concello de Muros segue a desenvolver ao longo destes días un plan continuo de limpeza e mantemento das beirarrúas en diferentes puntos do termo municipal, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e facilitar o tránsito peonil.

Esta semana, unha das actuacións máis destacadas levouse a cabo na parroquia de Serres, onde a brigada municipal realizou labores de limpeza e desbroce empregando tanto medios mecánicos como manuais. Estas intervencións forman parte dun dispositivo habitual nestas datas, nas que o crecemento da vexetación é máis intenso.

Nos últimos días tamén se executaron traballos similares noutras zonas do concello, como Louro, Laxeiras, O Baño, Muros e Abelleira, dentro dun programa de actuacións que abrangue progresivamente todas as parroquias.

A concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, destacou o esforzo continuado que se está a realizar: “Somos conscientes de que o crecemento da vexetación nestas datas obriga a facer un esforzo constante, e por iso seguimos traballando de maneira progresiva en todas as parroquias para manter os espazos públicos nas mellores condicións posibles”.

Con estas actuacións, o Concello de Muros reafirma o seu compromiso co mantemento dos espazos públicos e coa mellora da calidade de vida da veciñanza.