
A Picota volveu vivir este domingo unha xornada inesquecible co deporte como protagonista coa celebración da IX Carreira Pedestre de Mazaricos, cuarta proba do Circuíto Correndo pola Costa da Morte.
A pesar da choiva que marcou as primeiras horas da mañá, o evento desenvolveuse cun gran ambiente e cunha destacada participación, reunindo preto de medio milleiro de deportistas de todas as idades. A proba converteuse, unha vez máis, nun punto de encontro para afeccionados ao atletismo popular, onde a convivencia e a paixón polo deporte foron os grandes protagonistas.
O municipio de Mazaricos respondeu de novo con forza a unha cita que xa é unha referencia no calendario deportivo da comarca, ofrecendo unha organización exemplar e un ambiente festivo que se mantivo ao longo de toda a xornada.
Desde a organización quixeron agradecer a implicación de todas as persoas participantes, voluntarias e asistentes que fixeron posible o éxito da carreira, consolidando así unha edición máis como unha auténtica festa do deporte en comunidade.










