A Baña celebra a chegada da primavera coa súa segunda Festa dos Maios

A Baña viviu este domingo, 10 de maio, unha xornada festiva coa celebración da segunda edición da súa Festa dos Maios, unha iniciativa que encheu a localidade de cor, música e tradición para dar a benvida á primavera en comunidade.

Veciñas e veciños de todas as idades participaron na elaboración dun fermoso Maio, creado coa colaboración do artista Oli Xiráldez, nun proceso colectivo no que destacou o traballo en equipo e a implicación interxeracional. A xornada converteuse nunha auténtica homenaxe á cultura popular galega.

O programa incluíu a recollida de flores e fiúncho, regueifas, teatro infantil e unha animada procesión do Maio ata a Praza do Concello. A música e os bailes acompañaron unha celebración marcada polo bo ambiente e a participación cidadá.

Como é tradición, tampouco faltaron as populares filloas á pedra da Baña, que contribuíron a repoñer forzas entre actividade e actividade.

A iniciativa foi organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, dirixida por Mónica González, quen destacou a boa acollida do evento e sinalou que a festa “cumpriu co obxectivo de promover a identidade local e o encontro interxeracional”.

Con esta segunda edición, a Festa dos Maios consolídase como unha cita destacada no calendario cultural da Baña, reforzando a unión veciñal e a posta en valor das tradicións galegas.