A actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, elixida Xograresa de Outono do FIOT 2025

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), outorgará este 2025 o premio Xograresa de Outono a Areta Bolado. Deste xeito, o FIOT, unha referencia en Galicia e no estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. No seu fallo, o xurado destacou á artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas”. O xurado remarcou, tamén, “a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión”.

Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron tan celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024.