A alerta laranxa deixa rúas de Esteiro anegadas e veciños denuncian falta de limpeza

A alerta laranxa por fortes precipitacións está deixando importantes acumulacións de auga nas rúas de Esteiro, no Concello de Muros. Un vídeo gravado na Rúa do Arton mostra a situación que se está a vivir na zona, con grandes cantidades de auga acumulada na calzada.

Os veciños denuncian que o problema podería verse agravado pola presenza de area acumulada na estrada desde hai moitos meses. Segundo sinalan, a zona non tería recibido labores de limpeza durante todo este tempo, polo que as fortes choivas estarían dificultando aínda máis a correcta evacuación da auga.

Os residentes amosan o seu malestar e reclaman ao Concello de Muros que se leven a cabo labores de limpeza e mantemento das vías, especialmente en puntos onde a acumulación de area e residuos pode favorecer a aparición de problemas durante episodios de choiva intensa.

A situación vivida este mércores volve poñer o foco na necesidade dun mantemento periódico das rúas e estradas para reducir os efectos das fortes precipitacións e evitar que os veciños teñan que afrontar situacións como esta.