
A Asociación O Quinteiro de Buño celebra hoxe, 23 de maio, o faladoiro e obradoiro “Coida a túa pel do sol… pero respectando o mar”, unha actividade gratuíta organizada en colaboración coa asociación Surf and Clean co obxectivo de concienciar sobre o impacto ambiental dos protectores solares e promover alternativas máis saudables e sostibles.
A actividade desenvolverase ás 12:00 horas no CAT de Buño (A Camposa), terá unha duración aproximada de 90 minutos e contará cun máximo de 10 prazas. O obradoiro será impartido por David Moreno, integrante de Surf and Clean, entidade comprometida coa protección do medio mariño a través da educación e do surf.
Durante a sesión abordaranse cuestións como a situación actual dos protectores solares convencionais, os seus efectos sobre o ecosistema mariño e as posibles alternativas naturais e respectuosas co medio ambiente. Ademais, as persoas participantes poderán aprender a elaborar o seu propio protector solar natural e coñecer accións para sensibilizar á sociedade sobre esta problemática.
Cada participante recibirá unha mostra de protector solar natural de 30 gramos, elaborada de maneira artesanal (non homologado nin con índice de protección acreditado).
A inscrición é totalmente gratuíta e pode realizarse exclusivamente a través de Whatsapp ou teléfono no número 686 700 766.
Con esta iniciativa, a Asociación O Quinteiro de Buño continúa apoiando proxectos educativos locais que promoven a defensa do mar e a conservación ambiental a través do surfing e da participación cidadá.