
Reclama garantías reais en ámbitos como a educación, a sanidade, o emprego e os servizos públicos
A presenza e protección das linguas de signos, a accesibilidade plena e a participación centran as principais reivindicacións
Madrid, 18 de setembro de 2026. – Ás portas da Semana Internacional das Persoas Xordas, que se celebra do 21 ao 27 de setembro, a CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas) advirte de que continúa existindo unha importante fenda entre o recoñecemento legal dos dereitos das persoas xordas e o seu exercicio efectivo na vida cotiá.
O seu manifesto para esta edición, promovida internacionalmente pola World Federation of the Deaf (WFD), pon o foco na necesidade de converter os dereitos recoñecidos en garantías reais baixo o lema ‘Reivindicando os dereitos humanos das persoas xordas’.
A Confederación recoñece os avances acadados pola comunidade xorda tras décadas de organización, activismo e incidencia política. Porén, insiste en que estes avances deben traducirse en garantías reais: “A fenda entre o recoñecemento legal dos dereitos das persoas xordas e o seu cumprimento efectivo na vida cotiá non pode normalizarse”.
Unha minoría lingüística e cultural
A entidade denuncia que, con frecuencia, a accesibilidade “chega tarde, chega mal ou non chega”, e lembra que detrás de cada barreira hai nenas e nenos que queren medrar sen privación lingüística, mozos e mozas que reclaman oportunidades reais e mulleres e homes que desexan autonomía, respecto e dignidade.
“Non somos un problema que xestionar. Somos unha minoría lingüística e cultural. Somos diversidade que enriquece. E queremos ocupar o lugar que nos corresponde”, sinala a organización.
Así mesmo, a CNSE subliña que as persoas xordas non constitúen un colectivo homoxéneo. “Somos diversas e temos distintas traxectorias vitais, necesidades e preferencias comunicativas”. Por iso, considera necesario que as políticas públicas, os servizos e os recursos de accesibilidade teñan en conta esta diversidade e garantan que todas as persoas xordas, independentemente de como se comuniquen ou das súas circunstancias persoais, poidan participar plenamente na sociedade en igualdade de condicións.
Entre as súas principais reivindicacións figuran o cumprimento efectivo da Lei 27/2007 e do seu Regulamento; unha educación inclusiva, plurilingüe e de calidade; unha atención temperá que garanta o acceso da infancia xorda á lingua de signos; unha sanidade sen barreiras de comunicación; interpretación e videointerpretación en lingua de signos nos servizos públicos; emprego sen discriminación; información accesible; e participación en todas as políticas que afectan as persoas xordas.
A lingua de signos como garante de dereitos
No ano no que se cumpre o 20 aniversario da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, a CNSE lembra que as linguas de signos son linguas plenas e unha condición indispensable para o exercicio dos dereitos.
“Vinte anos despois, non abonda con recoñecelas: hai que garantilas, protexelas e promovelas”, sinala a entidade.
Neste sentido, a organización fai un chamamento ás administracións públicas para que cumpran a lei e insta os gobernos a que tamén gobernen para as persoas xordas: “Os dereitos ou son para todas e todos, ou non son dereitos”.
Día Internacional das Linguas de Signos
Un dos días centrais desta semana será o mércores 23 de setembro, Día Internacional das Linguas de Signos, unha data que as Nacións Unidas declararon oficialmente en 2017 para reivindicar as linguas de signos como parte da diversidade lingüística e cultural dos distintos países e como garantía dos dereitos das persoas xordas.
Con motivo desta celebración, edificios emblemáticos dos cinco continentes sumaranse ao reto ‘Blue Light for Sign’ e iluminarán de azul as súas fachadas como mostra de recoñecemento ás linguas de signos.
Día Internacional das Persoas Xordas
Paralelamente, o sábado 26 de setembro celebrarase en España o Día Internacional das Persoas Xordas. A xornada servirá para reivindicar dereitos e celebrar a lingua de signos, a diversidade, a unidade asociativa e a cultura da comunidade xorda.
As federacións e asociacións de persoas xordas da rede asociativa da CNSE —máis de 100 en toda España— teñen previstas concentracións e un amplo programa de actividades para conmemorar esta data.
