
A cidade da Coruña acolle esta fin de semana a 39ª edición da Bandeira Teresa Herrera de traiñeiras, unha das probas clásicas da bahía coruñesa e referente do calendario deportivo da época estival, que servirá ademais como peche institucional das festas da cidade.
A competición celebrarase en dobre xornada na enseada do Orzán os días sábado 30 e domingo 31 de agosto, coa participación de 14 equipos masculinos e 10 equipos femininos, pertencentes a un total de 16 clubs de Galicia e Asturias.
Será a 16ª edición da Bandeira Masculina de Traiñeiras Teresa Herrera e a 5ª edición da Bandeira Feminina, no marco dun trofeo histórico que suma xa 39 edicións desde a súa primeira convocatoria en 1984, consolidándose como unha das grandes citas do remo tradicional en Galicia.
A competición desenvolverase en dobre xornada:
- O sábado 30, de 17:30 a 18:30 h, terá lugar a fase clasificatoria, na que competirán todas as traiñeiras inscritas.
- O domingo 31, entre 11:30 e 13:00 h, disputarase a final, na que participarán os dez mellores equipos masculinos e as cinco mellores traineras femininas, segundo os tempos do día anterior.
A proba desenvolverase en formato tradicional, con quendas de catro embarcacións, un percorrido de 5.556 metros, distribuídos en catro longos e tres ceavogas, con saída e chegada fronte á praia do Orzán. As embarcacións navegarán cara ao bulevar do Papagayo e cara á zona do Parrote, completando un circuíto urbano e visualmente atractivo para o público.
Un evento deportivo de referencia
A Bandeira Teresa Herrera é un trofeo xa consolidado como unha das citas máis importantes da tempada para os equipos de traiñeiras, tanto polo seu simbolismo como polo nivel competitivo. A súa celebración permite poñer en valor a relación histórica da cidade co mar, a tradición do remo e a práctica dos deportes náuticos como parte da identidade coruñesa.
O evento contribúe tamén a reforzar a visibilidade do remo tradicional nun entorno urbano privilexiado, consolidando á Coruña como referente autonómico neste ámbito deportivo.
Unha aposta polo mar e polo deporte
O evento conta coa colaboración da Federación Galega de Remo, xunto co apoio institucional do Concello da Coruña, que impulsa esta proba como unha das grandes citas do remo tradicional na cidade.
O Concello da Coruña agradece a todos os clubs participantes o seu compromiso e anima á cidadanía a achegarse á enseada do Orzán para gozar dun espectáculo deportivo único, que combina tradición, esforzo e orgullo local.
A continuidade deste tipo de eventos, que nacen do mar e representan a esencia da Coruña, é posible grazas á aposta decidida do Goberno de Inés Rey por fortalecer o vínculo da cidade co deporte náutico, en liña coa estratexia de impulso ao deporte, ao mar e á proxección da cidade.