A deputada do PSdeG-PSOE Patricia Iglesias reclama un autobús directo de Bergantiños ao CHUAC (Audio)

287 persoas apoian xa a demanda dun servizo de transporte público que conecte directamente a comarca co hospital coruñés

A deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia Patricia Iglesias reuniuse con representantes da plataforma de persoas afectadas que reclaman a posta en marcha dun autobús directo desde Bergantiños ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). A iniciativa conta xa co apoio de 287 persoas, que demandan unha alternativa de transporte público digna, accesible e adaptada ás necesidades da comarca.

As persoas afectadas explican que a maioría se ve obrigada actualmente a utilizar o vehículo particular para acudir ao CHUAC, asumindo os custos derivados do combustible, o mantemento do coche e as peaxes da AG-55. Unha situación que, ademais de supoñer un importante esforzo económico para as familias, contribúe a aumentar o tráfico e a contaminación.

Patricia Iglesias reclamou ao Goberno galego do PP que dea unha resposta a esta demanda e que poña en marcha un servizo piloto de autobús directo, con horarios adaptados ás necesidades das persoas que precisan desprazarse ao hospital.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que esta medida permitiría facilitar o acceso á sanidade pública, reducir a dependencia do vehículo privado e mellorar a mobilidade das persoas maiores ou con dificultades para desprazarse por medios propios.

A deputada socialista defende que “non se pode obrigar á veciñanza de Bergantiños a asumir custos elevados e depender do vehículo particular para poder acudir ao hospital” e reclama á Xunta que escoite as 287 persoas que xa apoian esta iniciativa.

Para o PSdeG-PSOE, a creación desta conexión directa sería tamén unha medida para vertebrar Bergantiños e poñer fin ao esquecemento ao que, segundo denuncian, a Xunta somete esta comarca, garantindo un transporte público digno e facilitando o acceso aos servizos sanitarios.