A EGAP analiza os retos da intervención pública na economía e nos sectores regulados

A actividade formativa, inaugurada pola directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, e o catedrático de Dereito Administrativo Ricardo Rivero Ortega, reúne 40 empregados públicos para afondar nas técnicas de regulación económica

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026. A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe a inauguración do curso de alta especialización Ordenación da economía e sectores regulados, unha actividade formativa destinada a analizar os principais instrumentos xurídicos, económicos e organizativos que empregan as Administracións públicas para intervir na actividade económica.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou o curso xunto co seu director, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca Ricardo Rivero Ortega. Durante a súa intervención, Rodríguez-Campos destacou a importancia de contar con persoal empregado público especializado para afrontar a crecente complexidade da regulación económica.

“A evolución dos mercados, a complexidade normativa e os novos retos aos que se enfrontan as Administracións públicas fan especialmente necesario contar con profesionais preparados para analizar e aplicar adecuadamente as diferentes ferramentas de regulación e intervención económica”, sinalou.

A directora da Escola salientou tamén que a formación especializada contribúe a dotar o persoal empregado público de coñecementos e ferramentas para unha actuación administrativa máis rigorosa, eficaz e orientada á protección do interese xeral.

“Desde a EGAP apostamos por unha formación permanentemente conectada coa realidade e os retos aos que se enfronta a Administración pública”, afirmou Rodríguez-Campos. Neste sentido, engadiu que actividades como esta permiten actualizar coñecementos, compartir experiencias e reforzar as competencias necesarias para ofrecer unha resposta administrativa cada vez máis eficaz e de maior calidade.

Un curso de alta especialización

A actividade desenvolverase entre o 17 de setembro e o 22 de outubro, cunha duración total de 30 horas e a participación de 40 asistentes. O programa articúlase nunha modalidade mixta, que combina unha sesión presencial na sede da EGAP con posteriores sesións de telepresenza a través da aula virtual da Escola.

O curso afondará no papel da intervención administrativa nos sectores regulados, especialmente naqueles ámbitos económicos de relevancia estratéxica, así como na súa contribución ao adecuado funcionamento dos mercados e á protección do interese xeral.

Ao longo das sesións analizaranse cuestións relacionadas coa competencia efectiva, a sustentabilidade, a seguridade xurídica e a calidade na prestación de servizos. Tamén se abordarán os retos derivados da crecente complexidade normativa, a transformación dos mercados e a intensificación dos procesos de supervisión e control.

Entre os obxectivos da actividade figuran capacitar os asistentes nas técnicas de regulación e intervención económica, favorecer a adopción de regulacións máis intelixentes e promover unha cultura de análise racional da intervención administrativa na economía.

Un programa transversal

O programa ofrecerá unha visión ampla da ordenación da actividade económica desde diferentes perspectivas xurídicas e administrativas. As primeiras sesións estarán dedicadas aos fundamentos da intervención administrativa, ás súas principais formas e á regulación como técnica de intervención, así como ao seu marco constitucional.

A formación incluirá tamén o estudo da intervención administrativa en sectores regulados, con especial atención ao sector eléctrico, e da intervención económica no ámbito local. Ademais, analizarase a dimensión europea da regulación económica e as súas proxeccións específicas no ámbito das telecomunicacións.

O programa completarase con contidos sobre boas prácticas de regulación, potestade regulamentaria e dereito autonómico de Galicia, co obxectivo de achegar ao persoal empregado público ferramentas para comprender e aplicar con maior profundidade as diferentes técnicas de ordenación e intervención económica.

Con esta iniciativa, a EGAP reforza a súa aposta pola formación especializada e permanente do persoal empregado público, favorecendo a actualización de coñecementos e o desenvolvemento de competencias para afrontar os retos actuais da Administración pública.