
O Concello da Laracha celebrou a 13ª Xornada Micolóxica, unha iniciativa destinada a dar a coñecer a diversidade de setas que medran nos montes do municipio e fomentar o coñecemento da micoloxía e a identificación das distintas especies.
A actividade comezou cunha saída polo entorno de Gabenlle, na que os participantes tiveron a oportunidade de explorar o medio natural e descubrir diferentes variedades de cogomelos. A xornada estivo guiada por Raquel Poncini e Pablo Cuadrado, encargados de ofrecer explicacións e consellos para aprender a recoñecer as especies que se poden atopar na zona.
Posteriormente, os participantes trasladáronse á Casa da Cultura, onde se realizou a clasificación dos exemplares recollidos. Neste espazo, os especialistas explicaron as características das distintas especies, as súas particularidades e os aspectos fundamentais para diferencialas correctamente.
Con esta nova edición, o Concello da Laracha continúa apostando pola divulgación ambiental, o coñecemento do patrimonio natural local e a promoción de actividades que permiten achegar a natureza á cidadanía.
