A Laracha prepara a celebración da Romaría dos Milagres e das festas de Caión

O Concello da Laracha, a Comisión de Festas, a parroquia, a Garda Civil e a Policía Local coordinan o dispositivo para uns días de intensa actividade festiva e relixiosa

O Concello da Laracha afronta un dos momentos máis especiais do calendario festivo coa celebración da Romaría dos Milagres, Festa de Interese Turístico de Galicia, e os actos que se desenvolverán en Caión ao longo dos vindeiros días.

Representantes de todas as partes implicadas na organización reuníronse no Centro Social de Caión para presentar a programación prevista e coordinar o operativo necesario para garantir o normal desenvolvemento das celebracións.

Os actos festivos terán lugar do 8 ao 13 de setembro baixo a organización da Comisión de Festas de Caión, e incluirán tamén dous espectáculos financiados polo Concello da Laracha: “Os monifantes” e a actuación da Asociación Cultural Arume.

Novena e actos relixiosos

A programación relixiosa dará comezo este sábado, 5 de setembro, ás 20:30 horas, coa celebración da novena na igrexa parroquial.

Pola súa banda, o domingo terá lugar a tradicional procesión de subida, que se celebrará tras a misa das 12:00 horas, dando continuidade a unha das citas relixiosas máis destacadas do calendario da Laracha.

Desde o Concello destacan a importancia da coordinación entre as diferentes entidades e corpos implicados para garantir que as celebracións se desenvolvan con normalidade e seguridade, nunhas datas nas que Caión recibe numerosos visitantes e veciños para participar tanto nos actos festivos como nos relixiosos.

A programación completa, cos horarios e actividades de cada xornada, pode consultarse nos carteis oficiais das festas.