
O ximnasio e os vestiarios continuarán operativos con normalidade mentres se prolongan os traballos nas instalacións
A piscina municipal e a zona de spa permanecerán pechadas ata o sábado 5 de setembro, debido ao atraso na execución dos traballos que se están a realizar nas instalacións.
Segundo informou o Concello, o ximnasio e os vestiarios continuarán funcionando con normalidade durante este período, polo que os usuarios poderán seguir facendo uso destes espazos.
No que respecta aos abonados das modalidades que inclúen o acceso á piscina, aplicarase a parte proporcional do desconto correspondente ao tempo que permaneza pechada, un custo que será asumido polo Concello. Así mesmo, manterase a ampliación do prazo de utilización dos bonos de baño para compensar o período no que non se poderá facer uso da instalación.
Desde o Concello trasladaron as súas desculpas polos inconvenientes que poida ocasionar esta prolongación do peche e agradeceron a comprensión dos usuarios.
As actuacións que se están a executar, segundo explican, son necesarias para garantir o correcto funcionamento da piscina e mellorar as condicións das instalacións.