
Desde a Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión, lamentamos a instrumentalización política do BNG dunha reivindicación colectiva.
A Plataforma Xuntos polo Centro de Día queremos manifestar a nosa fonda decepción polo recente acto protagonizado polo BNG de Corcubión no Parlamento de Galicia, onde presentaron sen aviso previo a esta Plataforma as 1.300 sinaturas recollidas durante a campaña impulsada polo propio Concello, coa colaboración activa da nosa plataforma cidadá.
Consideramos que este xesto, máis alá da súa forma, representa unha mostra de descortesía e responde unicamente a unha estratexia de supervivencia política como partido local.
Non obstante, desde a nosa plataforma cremos que por riba das siglas deben prevalecer a educación, o respecto institucional e, sobre todo, o espírito de colaboración en favor da veciñanza. O Centro de Día é unha necesidade real e urxente para Corcubión e a súa comarca, e non un instrumento de propaganda partidaria.
Seguiremos traballando con rigor e responsabilidade para conseguir a súa apertura definitiva. Os próximos pasos serán solicitar o amparo da Valedora do Pobo e das institucións europeas, sempre mantendo informado ao Concello de Corcubión, que consideramos a casa común de todas e todos, e non o cortello particular dalgún grupo político.
Reiteramos o noso compromiso coa veciñanza e coa defensa dun servizo fundamental que, máis alá de intereses partidarios, debe ser unha prioridade para toda a sociedade.
PLATAFORMA XUNTOS POLO CENTRO DE DÍA DE CORCUBIÓN.