
As obras de conexión de auga deixaron o pavimento deteriorado na estrada Ares-Chanteiro e, meses despois, a reparación segue pendente. O BNG levou o problema á Comisión de Obras e reclama ao Concello “menos escusas e máis xestión”.
A veciñanza de Lubre decidiu dar un paso adiante ante a falta de solución para unha beirarrúa situada na estrada Ares-Chanteiro que leva meses co pavimento levantado tras unhas obras de conexión de auga. Ante a demora na reparación, as persoas afectadas colocaron dous carteis para reclamar publicamente ao Concello que actúe e poña fin a unha situación que consideran inaceptable.
O problema foi trasladado tamén ao Concello por iniciativa das propias veciñas e veciños. O pasado mes, o BNG levou a cuestión á Comisión de Obras para preguntar polas causas do retraso e reclamar información sobre os prazos previstos para solucionar o deterioro da beirarrúa.
Segundo a resposta municipal, o Concello estaría á espera dunha empresa encargada de executar a reforma. Porén, desde o BNG consideran insuficiente esta explicación e reclaman unha maior implicación por parte da administración local.
“Unha administración municipal non pode limitarse a esperar indefinidamente”, sinalan, ao tempo que defenden a necesidade de facer un seguimento das obras, esixir o cumprimento dos prazos e buscar alternativas cando xorden problemas que provocan atrasos.
A formación nacionalista critica que unha beirarrúa permaneza durante meses nun estado que dificulta o tránsito peonil e pode comprometer a seguridade das persoas usuarias. “O que non é normal é que, finalmente, sexa a propia veciñanza quen teña que colocar carteis para reclamar algo tan básico como poder camiñar con seguridade”, apuntan.
Desde o BNG reclaman ao Concello que acelere a solución e cumpra coas súas responsabilidades de mantemento e supervisión das actuacións municipais. “Menos escusas e máis xestión. A veciñanza de Lubre merece unha solución”, conclúen.
