
A voceira do BNG na Coruña, Avia Veira, volveu cargar contra o Goberno municipal de Inés Rey pola situación do transporte urbano da cidade. A nacionalista lembrou que a mobilidade é unha das principais competencias do Concello e denunciou que o contrato do servizo de autobuses urbanos caducou en decembro de 2024 sen que, ata o momento, se licitase un novo.
Segundo Veira, esta situación prexudica directamente á cidadanía, xa que, ao seu xuízo, impide mellorar o servizo con medidas como a ampliación de horarios, o incremento das frecuencias ou a adaptación ás novas necesidades de mobilidade das coruñesas e coruñeses.
«O contrato do transporte urbano caducou en decembro de 2024. Que significa iso? Que se lle furta o dereito a ter un mellor servizo ás coruñesas e coruñeses», sinalou a voceira do BNG, quen responsabilizou desta situación ao Goberno municipal de Inés Rey.
Con todo, cómpre lembrar que o BNG desempeña un papel determinante na gobernabilidade do Concello da Coruña. A pesar de que nas últimas eleccións municipais a forza máis votada foi o Partido Popular, o apoio dos nacionalistas permite que o PSOE continúe á fronte do Goberno local.
Esta circunstancia leva á oposición a cuestionar que o BNG critique decisións e situacións das que, ao mesmo tempo, consideran que é corresponsábel ao garantir a continuidade do Executivo municipal. Mentres o contrato do transporte segue sen renovarse, o debate político sobre a xestión da mobilidade e a estabilidade do Goberno local continúa gañando intensidade.