
Jacobo Rey salienta o papel da entidade como aliada fundamental do sistema de protección autonómico e chama a implicar a toda a sociedade na resolución dos problemas que afectan á infancia e á adolescencia.
A Coruña, 14 de outubro de 2026.– O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá no acto 30 años, 30 historias, co que a Fundación Meniños conmemora os seus 30 anos de traxectoria dedicados á protección e ao benestar da infancia e da adolescencia galegas.
Durante o encontro, Jacobo Rey puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade ao longo destas tres décadas e destacou a súa contribución ao sistema de protección autonómico, a través da xestión de programas especializados que requiren unha atención sensible e integral.
Neste sentido, salientou que a Fundación Meniños intervén en ámbitos de especial complexidade, que abranguen desde a atención perinatal ata o apoio psicolóxico, social e educativo de nenos, nenas e adolescentes.
O director xeral incidiu tamén na importancia de visibilizar os problemas e as dificultades que afrontan os menores e de trasladalos ao conxunto da sociedade. Así, sinalou que un dos principais retos consiste en promover a implicación colectiva para dar resposta ás necesidades da infancia e da adolescencia.
A Xunta recoñece deste xeito a traxectoria da Fundación Meniños como unha entidade de referencia na protección da infancia galega e destaca a importancia da colaboración entre as administracións e as organizacións especializadas para avanzar no benestar e na defensa dos dereitos dos menores.
