A Xunta e os representantes galegos nos Consellos Consultivos da UE reforzan a coordinación en defensa do sector pesqueiro

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2026. A Xunta de Galicia e os representantes galegos nos principais Consellos Consultivos da Unión Europea reforzaron a súa coordinación para defender os intereses do sector marítimo-pesqueiro galego en Bruxelas e fortalecer a súa influencia nas decisións comunitarias vinculadas á Política Pesqueira Común (PPC).

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo unha reunión con Sergio López, presidente do Consello Consultivo das Augas Occidentais Austrais (CCS); Iván López van der Veen, presidente do Consello Consultivo da Frota de Longa Distancia (LDAC); e Yobana Bermúdez, presidenta do Consello Consultivo de Mercados (MAC). No encontro tamén participou Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, en representación do sector artesanal.

A xuntanza permitiu analizar as principais cuestións que afectan á cadea mar-industria galega e avanzar na coordinación de prioridades e propostas para trasladar ás institucións europeas.

Entre os asuntos abordados destacou a necesidade de impulsar a remuda xeracional no sector, mellorando as condicións sociolaborais dos profesionais e a habitabilidade dos buques pesqueiros. A Xunta e os representantes do sector defenderon que estas melloras non se consideren un incremento da capacidade pesqueira na normativa comunitaria.

Outro dos eixes centrais foi a esixencia de reciprocidade ás importacións procedentes de terceiros países, co obxectivo de garantir condicións de competencia xustas para os produtores europeos e reforzar a loita contra a pesca ilegal.

Ambas partes coincidiron na importancia de manter unha canle directa de coordinación e concertación técnica que permita articular posicións comúns e trasladar á Comisión Europea ditames e recomendacións que recollan as necesidades reais do sector.

Con este reforzo da colaboración, a Xunta busca contribuír á defensa do liderado pesqueiro de Galicia no ámbito europeo, así como á sustentabilidade da actividade e á viabilidade económica do tecido marítimo-pesqueiro galego.