
Arturo Parrado destacou a traxectoria profesional dos galardoados e o seu compromiso coa inclusión social
Padrón (A Coruña), 9 de outubro de 2026. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá no acto de entrega da Medalla de Ouro da Fundación Amigos de Galicia a José Antonio Rivera Casal, coñecido como Chef Rivera, e á súa muller, Pierrette Armero, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e ao seu compromiso coa entidade.
A distinción coincide co 50 aniversario da apertura do Hotel Restaurante Chef Rivera, un establecemento que se converteu nun espazo de encontro e solidariedade.
Durante o acto, Arturo Parrado puxo en valor a longa traxectoria profesional de José Antonio Rivera Casal, estreitamente vinculada a Galicia, e agradeceu a implicación social de ambos os galardoados.
Así mesmo, destacou o labor da Fundación Amigos de Galicia en favor da inclusión social e do apoio ás persoas e colectivos en situación de maior vulnerabilidade.
O director xeral concluíu salientando a xenerosidade do Chef Rivera e de Pierrette Armero, así como o seu traballo para facer do seu establecemento un lugar de encontro, colaboración e solidariedade.
