A Xunta impulsa a rede de colaboración entre as mulleres emprendedoras galegas cos Encontros Emega

11,30 h.- A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, participará no Encontro Emega: Mulleres que emprenden. Na aula 1 da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2).
Foto xoán crespo

Paula Uría participou na primeira sesión desta iniciativa, que busca favorecer o intercambio de experiencias, a cooperación e o fortalecemento dos proxectos empresariais liderados por mulleres

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2026. A Xunta de Galicia impulsa a creación dunha rede de colaboración entre as mulleres emprendedoras galegas a través dos Encontros Emega, unha iniciativa destinada a favorecer o intercambio de experiencias, a xeración de sinerxías e o fortalecemento dos proxectos empresariais beneficiarios destas axudas.

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, participou esta mañá no primeiro Encontro Emega, Mulleres que emprenden, onde destacou o valor destes espazos para crear comunidade, compartir aprendizaxes e establecer novas colaboracións entre empresarias de distintos ámbitos.

Uría animou as participantes a aproveitar estas sesións para tecer unha rede de emprendemento feminino en Galicia, capaz de conectar iniciativas, sumar capacidades e abrir novas oportunidades de crecemento.

O primeiro encontro reuniu profesionais de sectores diversos, como a restauración, a creación artística, a cultura dixital e a rehabilitación neurolóxica. Graciela Castro, de Chichalovers; Raquel Montero, de Espazo Boh; Ángela Redondo, de Fomo Axenda Cultural; e Tania Romero, de Ingenia Neurología, compartiron as súas experiencias sobre o desenvolvemento e consolidación das empresas, a creación de emprego, os principais obstáculos que afrontan e as necesidades de apoio para seguir medrando.

A través deste diálogo, as participantes puxeron en común retos e aprendizaxes desde realidades empresariais diferentes, amosando a diversidade de perfís e modelos que caracterizan o emprendemento feminino.

A directora xeral salientou que non existe unha única maneira de emprender nin un perfil único de empresaria, polo que considerou fundamental promover espazos de encontro que permitan recoñecer esta diversidade, reforzar as fortalezas individuais e construír alianzas entre os distintos proxectos.

Os Encontros Emega nacen así como unha ferramenta para acompañar as beneficiarias das axudas Emega, favorecer a súa conexión e impulsar unha comunidade de mulleres emprendedoras que contribúa ao desenvolvemento do tecido empresarial galego desde a cooperación, a innovación e a igualdade de oportunidades.