A Xunta mellora o servizo que conecta Fisterra, Cee e A Coruña con vehículos de maior capacidade

A Xunta de Galicia vén de ampliar a capacidade da liña de autobús que conecta Fisterra con Cee e continúa ata a cidade da Coruña, pasando por localidades como Dumbría, Vimianzo ou Carballo. O obxectivo é garantir un servizo axeitado ao alumnado que se despraza diariamente aos institutos da zona e ás persoas usuarias en xeral da comarca, que tamén empregan esta conexión para viaxar á capital herculina.

A partir do próximo, luns 6 de outubro, esta liña contará cun novo autobús de maior capacidade, que se empregará especialmente nas expedicións con máis demanda, entre elas a das primeiras horas da mañá con saída de Fisterra ás 8:00. Este vehículo permitirá incrementar de xeito significativo as prazas dispoñibles e ofrecer unha mellor resposta ás necesidades de mobilidade.

Esta medida ten en conta as necesidades trasladadas polas familias e persoas usuarias, co obxectivo de mellorar o servizo nos días lectivos e facilitar os desprazamentos tanto de estudantes como da cidadanía en xeral.

A ampliación da capacidade desta liña súmase ao conxunto de actuacións que o Goberno galego está a desenvolver para modernizar e mellorar a rede de transporte público en toda a comunidade, sempre coa vontade de escoitar as demandas dos usuarios e garantir un servizo útil e accesible para todos.