
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicoulle hoxe ao alcalde de Laxe, Francisco Charlín, que a Xunta está a ultimar o proxecto para restaurar a lagoa de Traba, que é un humidal que, ademais de estar incluído no catálogo de zonas húmidas de Galicia, forma parte da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
Segundo lle dixo Ángeles Vázquez ao rexedor nunha reunión que mantiveron esta tarde, esta actuación de mellora ambiental está incluída no Plan de restauración de humidais que prevé investir 4,65 millóns de euros nestas áreas das catro provincias galegas ata o ano 2028.
No caso concreto da lagoa de Pasarela e Traba, o obxectivo é ampliar a lámina de auga e mellorar a biodiversidade desta área, así como a vexetación das marxes e os ciclos hidrolóxicos. De feito, estudarase o funcionamento máis axeitado para a súa conexión e desaugadoiro cara ao mar. Ademais, o proxecto integrará todos os intereses implicados, desde os ambientais ata o mantemento de aproveitamentos tradicionais sostibles na contorna.
Este espazo natural constitúe un ecosistema clave para moitas especies de aves, tanto sedentarias como invernantes. Así, é un dos 646 espazos naturais de tipo humidal inventariados en Galicia, que, ademais, é a cuarta comunidades española con máis humidais incluídos na lista Ramsar, que é un rexistro internacional que integra as zonas húmidas más importantes do mundo polo seu interese ecolóxico e transcendencia para a conservación da biodiversidade. Son, concretamente, a ría de Ribadeo; as rías de Ortigueira e Ladrido; lagoa e areal de Valdoviño; o complexo de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
Estes ecosistemas son vitais para proporcionar servizos esenciais para o medio ambiente e a sociedade, como, por exemplo, regulación hídrica, protección fronte ás inundacións, depuración de augas, almacenamento de carbono ou sostén da biodiversidade.