Alarma en Canido tras o rescate dunha bañista ante a ausencia de socorristas

Os veciños denuncian a falta de medios de salvamento na praia de Canido tras o rescate dunha muller que estivo a piques de afogarse

O pasado xoves 3 de setembro, unha muller estivo a piques de afogarse na praia de Canido e tivo que ser auxiliada por varias persoas que se atopaban na zona, segundo denuncian veciños presentes no lugar.

O sucedido volveu poñer o foco na situación do servizo de salvamento na praia. Segundo os testemuños veciñais, Canido non conta neste momento con socorristas, mentres que os dous profesionais que permanecen no servizo estarían destinados á praia de Area Maior.

Os veciños consideran especialmente preocupante que, ante esta situación, tampouco haxa bandeiras ou información visible que advirta aos bañistas das condicións existentes ou da ausencia de persoal de salvamento.

«Se non fose pola xente que estaba na praia, unha señora xa non saía do mar», sinalan persoas que presenciaron o incidente.

A preocupación aumenta polo feito de que, aínda que a tempada turística está a rematar e a afluencia de visitantes é menor, as praias continúan recibindo bañistas, especialmente durante as xornadas de bo tempo. Os residentes apuntan ademais que os poucos turistas que permanecen na zona acostuman concentrarse precisamente nas proximidades do posto de socorrismo.

A situación xerou críticas contra o Concello de Malpica, ao que os veciños reclaman explicacións sobre a planificación do servizo de salvamento e sobre a decisión de non manter a cobertura en Canido.

Nas redes sociais, a indignación veciñal foi máis alá e cuestionouse que se poida aforrar en días de contratación cando está en xogo a seguridade das persoas.

«Por aforrar 15 días de contrato deixan morrer xente. Sempre é igual: o diñeiro diante das vidas dos veciños», pode lerse nunha das denuncias difundidas nas redes.

Os veciños tamén lanzan unha mensaxe claramente política de cara ás próximas eleccións: «Despois, antes das eleccións, acordaredes dos veciños».

O incidente do xoves 3 de setembro serve así de novo aviso sobre a necesidade de garantir medios de salvamento nas praias mentres continúe habendo persoas bañándose e de informar claramente á cidadanía cando un areal careza de servizo de socorrismo.