
A formación reclama medidas de seguridade no paso do paseo fluvial pola estrada autonómica, na zona da Telva, aproveitando as actuacións que se están a realizar na vía.
Alternativa dos Veciños de Cambre volveu trasladar ao goberno municipal a súa preocupación pola inseguridade viaria existente no cruzamento do paseo fluvial do río Mero coa estrada autonómica AC-214, ao seu paso pola zona da Telva.
A formación considera que este punto presenta un risco para as persoas usuarias do paseo, xa que para continuar o percorrido é necesario cruzar unha vía de intenso tráfico que constitúe tamén un dos principais accesos á vila de Cambre.
Desde Alternativa dos Veciños sinalan que esta situación converte o paseo fluvial nun caso pouco habitual na comarca e reclaman que se aproveiten as actuacións que se están a desenvolver actualmente na estrada para abordar o problema.
A formación insiste na necesidade de mellorar as condicións de seguridade neste cruzamento e de buscar unha solución que permita ás persoas que utilizan o paseo do Mero realizar o percorrido sen ter que asumir os riscos derivados do tráfico rodado.
