
A formación critica que a Xunta aprobe once novas sendas peonís noutros concellos mentres Fisterra queda fóra do proxecto e reclama actuacións urxentes para mellorar a seguridade dos peregrinos
Fisterra. Alternativa Fisterra denuncia que o concello de Fisterra quedou fóra dos investimentos previstos pola Xunta de Galicia para a mellora do Camiño de Fisterra e Muxía, tras a aprobación definitiva de once novas sendas peonís en distintos puntos do percorrido.
Segundo sinala a formación, as actuacións previstas beneficiarán concellos como Dumbría, Muxía, Cee, Corcubión, Mazaricos ou Negreira, mentres que Fisterra non contará con ningún investimento dentro deste proxecto.
“Para Fisterra, nin chica nin patacón”, denuncia Alternativa Fisterra, que considera que o goberno municipal do Partido Popular foi incapaz de conseguir da Xunta unha actuación para o municipio.
A formación critica que, malia a importancia turística e peregrina de Fisterra, o executivo local non lograse incluír ningunha intervención no concello, especialmente ante a proximidade do Ano Santo 2027 e o previsíbel incremento do número de peregrinos e camiñantes.
Alternativa Fisterra cuestiona ademais que non se contemplase ningunha actuación para mellorar a seguridade viaria en puntos especialmente sensibles do percorrido. Entre eles, sinala o cruce da AC-445 á altura de Talón, onde, segundo denuncia, peregrinos e camiñantes deben atravesar a estrada nun punto que consideran perigoso.
“De verdade non hai un só tramo en Fisterra que precise mellorar a seguridade viaria de cara ao Ano Santo 2027?”, pregunta a formación.
Desde Alternativa Fisterra consideran que esta situación evidencia unha falta de capacidade do goberno municipal para defender os intereses do concello ante a Xunta. “Moita foto, moita promesa, pero á hora da verdade, o Camiño do Litoral e as necesidades dos fisterráns quedan no caixón do esquecemento”, sinalan.
A formación reclama ao executivo local que abandone, segundo as súas palabras, a “actitude complacente” e intensifique as xestións ante o Goberno galego para lograr investimentos no municipio.
“Fisterra merece respecto e investimentos reais, non migallas nin silencios complacentes. Menos fotos e máis petar nas portas da Xunta para defender o noso”, conclúe Alternativa Fisterra.
