Anxo Arca reivindica o diálogo e o traballo conxunto no Encontro de Pobos Máxicos de España

O encontro reúne en Padrón 250 participantes de máis de cen municipios e pon o foco na cooperación, a identidade local e o turismo inclusivo

Padrón, 24 de novembro de 2026.– O alcalde de Padrón, Anxo Arca, reivindicou a necesidade de diálogo, respecto e colaboración entre as administracións para afrontar os retos de futuro e mellorar a vida da cidadanía durante a inauguración do sexto Encontro Anual de Pobos Máxicos de España. A cita reúne no Campus Tecnolóxico Cortizo arredor de 250 persoas procedentes de máis dun cento de municipios.

«A cidadanía está a reclamar entendemento e traballo conxunto aos seus representantes», sinalou Arca, que tamén destacou a importancia da colaboración público-privada para impulsar proxectos e responder ás necesidades dos concellos. No acto inaugural participaron, ademais, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o presidente do Ecosistema Máxico de España.

O rexedor padronés agradeceu a implicación das empresas Grupo Cortizo, Grupo Scala e Finsa na organización do encontro e no desenvolvemento doutras iniciativas locais, como o alumeado de Nadal. Arca puxo tamén como exemplo a cooperación entre Padrón, Santiago de Compostela, Rianxo e Arjonilla, municipios irmandados coa capital do Sar.

«Os concellos temos problemáticas comúns e encontros coma este proporciónannos ferramentas e estratexias que podemos utilizar para mellorar a nosa oferta turística e proxectar os nosos municipios», afirmou o alcalde, que agradeceu especialmente a colaboración de Xosé Regueira e da área de Turismo da Deputación da Coruña.

A institución provincial financia boa parte do encontro, unha aposta que permite poñer en valor os produtos e a gastronomía locais a través da iniciativa A paisaxe que sabe. Padrón foi o primeiro municipio da provincia da Coruña en incorporarse á rede de Pobos Máxicos de España.

A gastronomía coruñesa, protagonista da recepción

Os produtos gastronómicos da provincia tiveron un papel destacado na recepción ofrecida o venres pola noite ás persoas participantes no Pazo de Arretén. A cita incluíu unha cata de viños da denominación de orixe Rías Baixas, da subzona da Ribeira do Ulla, e unha degustación de produtos vinculados á iniciativa A paisaxe que sabe.

As persoas asistentes puideron probar pementos de Herbón, queixo de Arzúa, marmelada de pementos, polbo á feira, empanada de berberechos de Noia, chocos de Rianxo e mexillón da ría de Arousa, nunha mostra da diversidade e da calidade gastronómica da provincia.

Xosé Regueira reivindica a identidade dos territorios

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, presentou un vídeo sobre as potencialidades da provincia e a iniciativa A paisaxe que sabe. A súa intervención comezou cunha referencia á obra de Rosalía de Castro e á especial relación da escritora con Padrón.

«Padrón non é só o pobo de Rosalía; é o pobo que Rosalía inventou para sempre», afirmou Regueira, que evocou tamén os versos de En las orillas del Sar: «¡Cuan hermosa es tu vega, oh Padrón, oh Iria Flavia!».

O vicepresidente estendeu esta reflexión ao conxunto da provincia e subliñou a importancia de preservar a identidade propia dos territorios sen renunciar á súa apertura ao mundo.

«Ao inaugurar este encontro de Pobos Máxicos, non estamos simplemente reunindo representantes de localidades con atractivo turístico. Estamos a afirmar que a maxia segue sendo unha forma lexítima e necesaria de habitar o mundo», asegurou. Regueira defendeu así unha visión do turismo que vaia máis alá dos recursos económicos e que recoñeza o valor cultural, social e emocional de cada territorio.

Mesas de debate sobre o futuro do territorio

A xornada do sábado incluíu varias mesas de debate nas que se analizaron os logros acadados por Pobos Máxicos de España desde a súa creación, hai dez anos, así como os retos de futuro da rede, da que forman parte entidades e empresas vinculadas a 169 municipios.

Os debates da mañá abordaron cuestións como a conexión entre territorio e experiencia turística, a capacidade de transformación desde o ámbito local, a activación do coñecemento e das oportunidades e o impulso da economía dos municipios. Nunha das mesas participou María Cortizo, do albergue Villa Vieira, situado na Escravitude.

Pola tarde, o turismo inclusivo centrou outra das sesións, na que interviñeron Inés Varela e Begoña Suárez, usuaria e xerente, respectivamente, da Asociación Amipa.

A rede incorpora 24 novos municipios

A Asemblea de Pobos Máxicos de España, celebrada no Campus Tecnolóxico Cortizo, aprobou a incorporación de 24 novos municipios á rede, reforzando así a súa presenza territorial.

A programación do sábado completouse cunha cea de clausura no Hotel Scala. Durante a xornada do domingo, as persoas participantes continuarán coñecendo Padrón e porán o broche final ao encontro cun xantar nas instalacións de Finsa.