
As nais dos nenos do equipo dos biberóns de Taragoña amosan o seu malestar pola decisión do Concello de ocupar o horario habitual de adestramento do venres 18 de decembro para a realización doutra actividade.
Segundo relata unha das nais, o Concello consultou ao equipo se estaría disposto a ceder a súa hora habitual de adestramento. Desde o grupo trasladaron que non lles resultaba posible, xa que ao día seguinte tiñan partido e consideraban necesario manter esa sesión de preparación.
Porén, segundo explica, a resposta municipal foi que a actividade se realizaría igualmente nese horario, propoñendo que os pequenos adestraran unha vez rematada, entre as 19:30 e as 20:30 horas, ou que as familias se desprazasen a outra instalación.
Esta alternativa xera preocupación entre as familias, xa que os nenos teñen entre 3 e 5 anos e consideran que adestrar a esas horas pode resultar pouco axeitado para os máis pequenos. Ademais, desprazarse a outra instalación suporía unha complicación engadida para os pais e nais.
As familias cuestionan especialmente o feito de que o Concello realizase unha consulta sobre a cesión do horario se, finalmente, a decisión parece estar tomada independentemente da resposta do equipo.
A nai que trasladou a queixa emprega a ironía para expresar o seu enfado coa situación: «Se dá igual a nosa resposta, para que carallo preguntan nada?».
As queixas céntranse na falta de consideración que, ao seu entender, se está a ter coas necesidades dos nenos máis pequenos e coas dificultades de organización das súas familias.
