
A actuación, impulsada por Portos de Galicia, mellora a accesibilidade e o confort dos usuarios e contribúe á integración entre o porto e a vila
Malpica de Bergantiños (A Coruña), 7 de agosto de 2026. As veciñas e veciños de Malpica xa dispoñen dun novo lugar de encontro resgardado das inclemencias meteorolóxicas na zona portuaria. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, rematou a instalación dunha marquesiña pública que dá resposta a unha petición trasladada pola cidadanía e que contribúe a mellorar a integración entre o porto e o conxunto da vila.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou esta mañá o espazo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, para coñecer de primeira man o resultado dos traballos e explicar os obxectivos desta actuación.
Segundo destacou Villaverde, a nova infraestrutura permite ás persoas que transitan pola zona contar cun espazo de descanso e protección fronte á choiva, o vento ou outras condicións meteorolóxicas adversas. Ao mesmo tempo, favorece unha estancia máis confortable e segura dos peóns e contribúe á ordenación do propio espazo portuario, ao reducir o tránsito peonil polo interior do peirao.
A actuación presta especial atención ás necesidades das persoas maiores e, en particular, das persoas xubiladas, que poden presentar unha maior vulnerabilidade ante as inclemencias meteorolóxicas. Deste xeito, a instalación mellora tanto a accesibilidade como as condicións de uso e disfrute deste espazo público.
A conselleira salientou que se trata dunha intervención de baixo impacto construtivo e elevado interese social, en liña cos principios de accesibilidade universal, seguridade e integración porto-cidade. Ademais, a iniciativa busca potenciar o uso social do porto como un espazo de convivencia, encontro e esparexemento para a veciñanza.
Nove metros de lonxitude
Desde o punto de vista técnico, a nova marquesiña conta cunha lonxitude de 9 metros e unha anchura de 2,5 metros, ofrecendo unha zona cuberta para o descanso e a protección dos usuarios.
A actuación supuxo un investimento de 25.000 euros por parte de Portos de Galicia.
Con esta intervención, o porto de Malpica incorpora un novo espazo pensado para o uso cotián da cidadanía e dá un paso máis na mellora da relación entre a actividade portuaria e a vida urbana da vila.