
O alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro, e o concelleiro de Planificación, Juan Seoane, visitaron hoxe as obras de urbanización da parcela que albergará a ampliación do centro de saúde. Os traballos, que executa a empresa Gestal y López cun orzamento de 243.759 euros, consisten na apertura dunha nova vía que conectará a rúa Médico Mariño coa avenida do Ambulatorio. O prazo de execución é de sete meses.
A rúa será de plataforma única para fomentar a mobilidade accesible e disporá de todos os servizos urbanísticos: redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, eléctricas de media e baixa tensión e telecomunicacións. O carril de circulación será de formigón e nas beirarrúas empregarase pavimento de baldosa de terrazo en dúas cores. A obra completarase coa sinalización horizontal e vertical, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, bancos, aparcabicis) e a xardinería. En concreto está previsto plantar 15 árbores.
O Concello de Carballo segue avanzando para que a Xunta de Galicia acometa o antes posible a ampliación do actual centro de saúde e a súa conversión nun CIS (Centro Integral de Saúde).