Axente da Policía Local de Cee aparece morto nas dependencias policiais

CEE. Manuel García Leal, axente da Policía Local de Cee, foi localizado morto na tarde deste mércores nas dependencias do corpo policial, situadas na planta baixa da casa consistorial, no centro da localidade.

Segundo as primeiras informacións, a familia do axente comezou a buscalo arredor das cinco da tarde, despois de non conseguir contactar con el. Pouco antes das oito, un compañeiro atopouno xa falecido no interior das instalacións policiais.

A espera do resultado da investigación aberta para esclarecer as circunstancias do falecemento, as primeiras hipóteses apuntan a que o axente podería terse quitado a vida cunha arma do corpo policial.

A noticia provocou unha profunda conmoción en Cee, onde numerosas persoas se achegaron ata as inmediacións das dependencias da Policía Local ao coñecerse o sucedido.

Tres días de loito oficial

O Concello de Cee anunciou a declaración de tres días de loito oficial, do 27 ao 29 de agosto, como mostra de respecto e pesar polo falecemento do axente.

Durante estes días, as bandeiras dos edificios municipais permanecerán a media asta e quedarán suspendidos os actos institucionais organizados polo Concello.

A Corporación municipal e todo o persoal do Concello trasladaron as súas «sentidas condolencias» á familia e ás persoas achegadas a Manuel García Leal, así como aos seus compañeiros e compañeiras da Policía Local de Cee.

A investigación permanece aberta para determinar con exactitude as circunstancias do falecemento.