Belén do Campo destaca que o Plan Marco e o Plan Camiña Rural supuxeron un investimento de máis de 82.000 euros na mellora de infraestruturas rurais en Dodro

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou hoxe o concello de Dodro, e salientou alí o investimento de máis de 82.000 euros que recibe este municipio para intervencións ao amparo do Plan Marco 24-25, de acceso a parcelas agrícolas, e do Plan Camiña Rural 25-26 que inclúe a maiores mellora de viarios municipais para conectar núcleos.

En concreto, no marco da convocatoria 2024-2025, en Dodro, coa axuda de máis de 38.000 euros, leváronse a cabo dous proxectos para arranxar 4 camiños. O primeiro consistiu na mellora da pista da Veiga a Lestrobe (450 metros), na renovación viario DP ao Rego de Manselle (190 metros) e na mellora do camiño de Bustelo (75 metros) nos que aplicou unha capa de zahorra e terra. A segunda actuación contemplou a mellora do camiño de Pexegueiro ao cruce de Formarís (675 metros), no que se aplicou triple rega asfáltica. A delegada supervisou o resultado concreto da renovación deste último viario.

A representante do Goberno autonómico explicou que na convocatoria 25-26, este Concello volve a contar cunha asignación de case 44.000  euros, que lle permitirá arranxar tres viarios, o do Ceboal (315 metros), o que vai desde AC-305 a Xian de (150) metros e o que vai de Melreiras á AC-305 de (205 metros) en aglomerado en quente. A representante do Goberno autonómico desprazouse tamén ata o camiño do Ceboal, un dos tres viarios que se arranxarán coa partida do 25-26. Para levar a cabo estas actuacións o Concello xa recibiu un anticipo do 100% da cantidade de 21.832 aprobada para este ano e solicitou a prórroga para executar a partida deste ano con prazo ata o 18 de decembro.

Estas axudas parten dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio.

Esta orde persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Neste punto sinalou que “os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación”.

A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. 

Estas axudas financian nun 100 % os gastos subvencionables. Deste xeito, nas actuacións subvencionables inclúense a ampliación de camiños para mellorar a seguridade viaria, o reforzo do firme existente, a adecuación de pasos fluviais e o mantemento das marxes.

Provincia 24-25

A delegada explicou que este plan, estivo dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supuxo o orzamento máis alto dende 2017.

Belén do Campo informou que na provincia da Coruña recibiron estes apoios, no 24-25,  83 concellos por un importe de 5,2 millóns de euros.

Nova convocatoria

O  Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, está dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios para Galicia. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026. Na provincia da Coruña reciben estes apoios 86 concellos por un importe de preto de 5,5 millóns de euros e na comarca do Sar, Dodro, Padrón e Rois, recibiron axudas por un importe de máis de 158.000 euros.