
De outubro a decembro celebrarase na Aula CeMIT unha nova rolda de campamentos dixitais para nenos e nenas de 9 a 13 anos de idade que non participasen en convocatorias anteriores. As sesións formativas realizaranse os martes e os venres, de 17.00 a 19.00 horas.
Os campamentos forman parte do proxecto CRI-TIC, que ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada, e permitirán aos participantes aprender a manexar de xeito responsable e consciente a tecnoloxía e as redes sociais, a contrastar a información, a previr o ciberacoso e a mellorar a súa seguridade na rede. Ademais, descubrirán a robótica, as posibilidades da intelixencia artificial ou da realidade aumentada, entre outras moitas aplicacións.
Cada participante realizará un itinerario formativo de 30 horas, polo que recibirá o correspondente diploma acreditativo.
As familias interesadas poden dirixirse ás oficinas municipais do Fórum Carballo, de 10.00 a 13.00 horas, para formalizar a alta na Aula CeMIT e a inscrición no campamento ou ben facelo a través da páxina web das Aulas CeMIT.