Carballo reparte 203 plantas dos xardíns municipais para darlles unha segunda vida nos fogares

A iniciativa, que se puxo en marcha en 2022, suma xa case un milleiro de exemplares entregados á veciñanza para fomentar a reutilización e o coidado ambiental.

O Concello de Carballo repartiu esta mañá un total de 203 plantas procedentes dos xardíns municipais entre a veciñanza que se achegou ao mercado municipal. Begonias e alegrías foron as protagonistas dunha iniciativa que busca dar unha segunda vida aos exemplares que aínda se atopan en boas condicións tras a renovación estacional das zonas verdes.

O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, participaron na entrega xunto co persoal do servizo municipal de xardíns. Para recibir unha das plantas, as persoas interesadas só tiñan que realizar unha compra en calquera dos postos da praza de abastos, unha fórmula coa que o Concello tamén busca dinamizar o comercio local.

A iniciativa permite aproveitar as plantas que se retiran dos espazos públicos cando chega o momento de substituír as especies de primavera e verán por outras máis axeitadas ás condicións meteorolóxicas do outono e do inverno. Deste xeito, os exemplares que aínda poden seguir medrando pasan aos fogares particulares, onde poden continuar o seu ciclo de vida.

Case un milleiro de plantas repartidas desde 2022

O primeiro reparto tivo lugar en novembro de 2022 e estivo dirixido ás familias participantes nos programas municipais de compostaxe. Desde entón, o Concello foi ampliando esta acción, que xa permitiu entregar case un milleiro de plantas.

Con esta proposta, o goberno municipal aposta pola reutilización dos recursos, a redución do desperdicio e a participación cidadá no coidado da contorna. Un xesto sinxelo, como levar unha planta para a casa, contribúe así a prolongar a vida dos exemplares e a reforzar a conciencia ambiental.

Os xardíns municipais, espazos de participación cidadá

O reparto de plantas enmárcase noutras iniciativas de sensibilización ambiental impulsadas en Carballo, como a campaña Presume de xardíns, que nestes días anima os nenos e as nenas a colocar as súas cabazas decoradas en diferentes espazos verdes do municipio.

As localizacións habilitadas para participar nesta proposta son o parque do Chorís, a rúa Eduardo Pondal, a zona verde da contorna do Fórum Carballo, a praza da Cruz Vermella e o exterior do CEIP Nétoma-Razo.

Ambas as iniciativas comparten a vontade de implicar a cidadanía no coidado e na mellora dos espazos públicos. Xa sexa recuperando unha planta ou contribuíndo á decoración dos xardíns, o obxectivo é que a veciñanza participe activamente na construción dun Carballo máis verde e sostible.