
O alcalde, José Ramón Rioboo, visitou a actuación xunto ao delegado do Goberno, Pedro Blanco, nun proxecto que permitiu renovar tres quilómetros de senda
Culleredo. O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo Castro, visitou hoxe a renovación do paseo da ría do Burgo xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, con motivo da culminación das actuacións desenvolvidas no contorno do esteiro.
O proxecto, impulsado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, permitiu remodelar a senda e repoñer preto de 18.000 metros cadrados de baldosas ao longo de tres quilómetros, mellorando as condicións de uso e accesibilidade deste espazo de especial valor para a veciñanza.
Durante a visita, Rioboo puxo en valor o investimento realizado polo Goberno para conectar os paseos situados a ambos os lados do esteiro. No caso de Culleredo, a actuación supuxo un investimento de 2,6 millóns de euros, como culminación dos traballos vinculados á dragaxe da ría do Burgo.
As obras incluíron tamén a renovación de 1.240 metros de balaustrada e a modernización da iluminación pública, actuacións que contribuíron á recuperación e posta en valor de diferentes espazos para o uso e desfrute da cidadanía.
O rexedor cullerdense participou ademais no acto oficial celebrado na beira oposta da ría, no termo municipal de Oleiros. Ao encontro asistiron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro.
A intervención permite así avanzar na integración dos diferentes paseos da contorna da ría do Burgo, consolidando un espazo público de carácter metropolitano destinado ao paseo, ao lecer e ao goce da contorna natural.

