David Ferreiro Caamaño queda ás portas do podio cunha brillante quinta praza

O piloto do Ferreiro Team, David Ferreiro Caamaño, asinou unha destacada actuación na última proba disputada en Carballo, onde conseguiu unha meritoria 5ª posición, quedando ás portas do podio nunha carreira moi esixente e igualada.

A xornada comezou de maneira especialmente positiva para o piloto das Salgueiras, que realizou unha saída espectacular, pasando da 9ª posición inicial á 5ª praza, nunha remontada que puxo en evidencia o seu bo ritmo e a súa crecente confianza sobre o Coche.

A carreira estivo marcada pola intensidade e pola dificultade de adiantar en pista, aínda que David conseguiu manter un ritmo constante e competitivo ata o final, consolidando así un resultado moi valioso para a clasificación xeral.

Este novo top 5 chega nun momento importante da tempada, na que o piloto está a superar varias complicacións iniciais. A ausencia na primeira proba do campionato e os contratempos sufridos en Rianxo, onde un piloto dobrado lle impediu completar unha volta rápida máis limpa, condicionaron o seu arranque, pero non frearon a súa evolución.

Grazas a este resultado en Carballo, David confía en colocarse 6º na clasificación xeral, mantendo intactas as súas opcións de seguir escalando posicións nas próximas carreiras.

Co foco posto na seguinte cita en Arteixo, o obxectivo está claro: achegarse ao Top 5 da xeral e loitar de forma directa por un posto no podio.

O Ferreiro Team continúa así nunha dinámica ascendente, cun piloto cada vez máis sólido e competitivo de cara ao tramo decisivo do campionato.